As primeiras semanas tras a adopción dun can: por que cambian os comportamentos
As primeiras semanas tras a adopción dun can poden traer cambios no seu comportamento que sorprenden a moitas familias. Ladridos que antes non existían, máis apego, medos inesperados… Neste artigo explicamos por que ocorre isto, que é normal no proceso de adaptación dun can adoptado e como acompañalo sen medo nin frustración.
As primeiras semanas: cando o can comeza a ser el mesmo
Non todos os cans viven a adopción do mesmo xeito. Hai quen se adapta rápido e hai quen necesita máis tempo.
Este texto non é un aviso de problemas. É unha explicación do que pode pasar cando o can comeza a sentirse máis seguro e a mostrarse tal como é.
Cando baixa a alerta inicial no proceso de adaptación
Nos primeiros días tras a adopción, moitos cans están en modo contención: observan, calan, seguen rutinas básicas sen facer moito ruído.
É normal. Todo é novo, todo é estraño. O cerebro está saturado de información e o can simplemente funciona en automático.
Co paso do tempo —ás veces días, ás veces semanas— o can empeza a relaxarse un pouco.
E cando isto pasa, comeza a aparecer o can real: o seu carácter, os seus gustos, as súas inseguridades… e tamén as súas fortalezas.
Cambios de comportamento que poden aparecer nun can adoptado
Nalgúns cans non aparece nada especial. Todo segue fluíndo con normalidade: comen ben, pasean tranquilos, durmitan no sofá.
Isto non significa que o can “non teña pasado”. Significa simplemente que a adaptación foi máis fluída.
Noutros casos, durante as primeiras semanas tras a adopción, poden aparecer pequenas “sorpresas” como:
- Ladridos en momentos concretos
- Medo a certos ruídos ou lugares
- Máis apego á persoa de referencia
Estas reaccións non son un retroceso nin un fallo na adopción. Son parte do proceso de coñecerse.
Por que cambian os comportamentos tras a adopción
Non porque o can vaia a peor, senón porque xa non está en modo supervivencia.
Cando un can se sente un pouco máis seguro, permítese expresar o que sente de verdade:
- Se algo lle dá medo, agora pode mostralo
- Se algo lle molesta, agora pode evitalo
- Se necesita algo, agora pode pedilo
Antes estaba demasiado bloqueado como para facelo.
Desde a experiencia acompañando cans adoptados con medo, inseguridade ou historia previa, estes cambios son frecuentes e forman parte dun proceso normal de adaptación cando o can empeza a sentirse seguro.
Situacións habituais durante a adaptación dun can adoptado
Ladridos que antes non existían
Pode que agora ladre ao timbre, a persoas que pasan ou a outros cans.
Non é maldade nin desobediencia. Case sempre é unha resposta a algo que lle xera alerta ou inseguridade.
Que podes facer:
Observa que o provoca, non rifes e traballa desde unha distancia segura se hai medo asociado.
Apego intenso á persoa de referencia
Segue por toda a casa, non se relaxa se non estás preto ou protesta cando saes.
Non é dependencia emocional de inicio. É unha busca de seguridade nun momento de cambio.
Que podes facer:
Deixarlle un espazo cómodo preto de ti, practicar separacións moi curtas e evitar despedidas dramáticas.
Medos que antes pasaban desapercibidos
Paraugas, patinetes, nenos ou determinadas persoas.
Non significa que o can sexa problemático. Significa que agora podes ver o que lle afecta.
Que podes facer:
Respecta a súa distancia de seguridade, non o forces e consulta cunha educadora se o medo é intenso ou paralizante.
Cambios na convivencia con outros animais
Un can que ao principio ignoraba ao gato ou ao outro can pode empezar a reaccionar.
Non sempre é agresividade. Pode ser xestión de espazos, xogo mal regulado ou expresión tardía.
Que podes facer:
Observa antes de actuar, xestiona recursos e separa espazos se hai tensión real.
Como acompañar o proceso sen frustrarse
- Non compares o teu can con outros. Cada adaptación é distinta.
- Non intentes corrixir emocións. O medo e a inseguridade non se eliminan con rifas.
- Mantén rutinas previsibles. A estrutura dá seguridade.
- Observa antes de intervir. Non todo require acción inmediata.
- Pide axuda profesional se algo che desborda.
Que aparezan dificultades non significa que fixeras algo mal. Significa que o can confía o suficiente como para ser el mesmo.
Mensaxe final sobre a adaptación dun can adoptado
Que un can adoptado comece a mostrar quen é non é un problema: é un avance enorme no vínculo.
Se todo vai ben, segue así. E se nalgún momento non sabes como acompañar, non estás soa.
Adoptar non é acertar sempre. É estar dispoñible para aprender xuntas.
📘 Artigo relacionado: Primeiros días cun can adoptado: guía práctica para acompañar sen renderse
Artigo desenvolvido por O Legado de Max
Coa guía profesional de
Luz – Bruma Connection
, educadora canina especializada en adopción, medo e acompañamento emocional de cans e familias.